A Biblioteca Virtual do Patrimonio Bibliográfica contén unha rica colección de fotografía histórica. Estes fondos proveñen das seguintes institucións:


  • Fundación para a Etnografía e o Desenvolvemento da Artesanía Canaria (FEDAC)

A Fundación para a Etnografía e o Desenvolvemento da Artesanía Canaria (FEDAC) é un organismo autónomo dependente do Cabido de Gran Canaria, órgano de goberno e administración desta illa. Os seus obxectivos céntranse no estudo, a recuperación e o desenvolvemento dos elementos culturais autóctonos, especialmente no mantemento e desenvolvemento dos oficios artesáns de Gran Canaria.

A FEDAC mantén o arquivo de fotografía histórica de Canarias, que conta con máis de 140.000 fotografías distribuídas en distintas series e coleccións, das cales foron dixitalizadas (pola FEDAC e pola Subdirección Xeral de Coordinación Bibliotecaria) máis de 68.000. Estas dixitalizacións poden consultarse nesta biblioteca dixital e na web da FEDAC.

As orixes deste arquivo de fotografía histórica remóntanse a 1999, ano en que o Cabido de Gran Canaria adquiriu ao coleccionista D. José Antonio Pérez Cruz a súa colección de fotos antigas composta por máis de 18.000 imaxes, das cales 11.000 son de Canarias e preto de 8.000 de diversas partes do mundo. Dende entón, a colección foise incrementando por diversas vías (adquisicións, doazóns, depósitos, convenios cos municipios grancanarios para a recuperación do patrimonio fotográfico da illa, etc.).

Os materiais fotográficos conservados pola FEDAC son de diversos tipos: daguerrotipos, ambrotipos, ferrotipos, vidros ao colodión, negativos de nitrato de celulosa, copias á albumina, ao colodión, ao xelatino-bromuro, etc. Grazas ao excelente traballo de documentación da FEDAC, esta información incluíuse nos rexistros bibliográficos.

Este rico fondo permite obter unha imaxe das Illas Canarias dende hai máis de 150 anos. Ademais, poderemos encontrar fotografías de personaxes e lugares estranxeiros, que traían os turistas ás illas. As fotografías máis antigas remóntanse á década de 1840.


  • Instituto do Patrimonio Cultural de España

Palacio del Infantado. Patio de los leones

O Instituto do Patrimonio Cultural de España xestiona a Fototeca do Patrimonio Histórico Español, unha das máis completas coleccións de fotografía histórica do noso país, composta por aproximadamente 400.000 documentos pertencentes a arquivos gráficos que reúnen a obra de fotógrafos que traballaron en patrimonio cultural dende a segunda metade do século XIX.

Entre as coleccións máis significativas da Fototeca, tanto pola súa antigüidade como pola calidade e valor patrimonial das súas imaxes, encóntranse os arquivos Moreno e Loty, cun total de case 70.000 fotografías que mostran principalmente obras de arte, moitas delas desaparecidas, e vistas de cidades, monumentos e paisaxes.

Unha parte significativa destas imaxes dixitalizouse grazas a un proxecto de colaboración coa Biblioteca Virtual do Patrimonio Bibliográfico e encóntrase dispoñible nesta páxina.

O resto, xunto cos fondos doutros arquivos fotográficos, como o arquivo Ruiz Vernacci, coas fotografías orixinais de J. Laurent, o arquivo de Información, o Conde de Polentinos, ou o Vaamonde, poden consultarse a través da páxina web do Instituto do Patrimonio Cultural de España.


  • Universidade de Navarra

O Fondo Fotográfico da Universidade de Navarra é un fondo de referencia para o estudo da historia da fotografía en España. Iniciouse co legado Ortiz Echagüe e ampliouse coa compra da colección de Víctor Méndez e a colección Hershkowitz (de calotipos). Reúne un total de 7.762 fotografías, entre as que se encontra o fondo do mencionado José Ortiz Echagüe e os doutros fotógrafos, como Juan Dolcet, Conde de la Ventosa, Clifford, Laurent, Tenison, Leygonier, Beaucorps, Disdéri, Levy, Braun, Stirling, Masson, Massari, Wheelhouse, Martínez Sánchez, Garzón, Marés, Opisso, Alguacil, etc.

A Universidade de Navarra en colaboración coa Universidade Politécnica de Valencia traballaron para documentar adecuadamente este fondo de fotografía sobre España no século XIX e poder difundilo a través da rede.  

Na Biblioteca Virtual do Patrimonio Bibliográfico poden consultarse 2.176 fotografías desta colección. Boa parte delas son vistas de cidades e monumentos, pero tamén podemos encontrar retratos, escenas de costumes, etc.


  • Fundación Pública Galega Camilo José Cela

A Fundación Pública Galega Camilo José Cela, situada en Iria Flavia, localidade natal do escritor, foi constituída en 1986 polo Premio Nobel padronés co principal propósito e vontade de gardar todos os seus manuscritos, libros e documentos persoais, xunto con obras artístico-pictóricas e diversas coleccións de todo tipo, conformando todo iso un legado cultural, artístico e persoal visible e accesible para o visitante ou investigador; hoxe depende da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Máis de 9.000 fotografías e diapositivas constitúen o arquivo fotográfico que se conserva na Fundación. Este material testemuña a intensa vida do escritor, as súas múltiples viaxes e os principais acontecementos da súa traxectoria literaria e dos seus moitos encontros con personaxes relevantes da vida cultural ou social española do século XX.

No ano 2015, froito dun convenio de colaboración coa Fundación, a Subdirección Xeral de Coordinación Bibliotecaria dixitalizou 3.399 fotografías deste fondo, que se poden consultar nesta biblioteca dixital.


  • Biblioteca Pública do Estado en Pontevedra

Tamén en 2015, a Subdirección Xeral de Coordinación bibliotecaria dixitalizou o valioso fondo fotográfico, pertencente á colección dos irmáns Muruais, conservado na Biblioteca Pública do Estado en Pontevedra. O fondo, que conforman algo máis de 2.000 retratos de personaxes europeos, é de grande calidade e interese, moi útil para estudar a vida social, artística e literaria da Europa do século XIX e principios do XX.


marriette


  • Biblioteca Pública do Estado en Oviedo (fondo fotográfico do diario Región)

Da Biblioteca Pública do Estado en Oviedo provén o fondo dixitalizado do diario Región, con abundante material de fotografía deportiva.


  • Outras institucións

Completan a fototeca unhas poucas fotografías de institucións, como a Universidade Jaume I de Castellón.


desde 1888


 

Texto actualizado a 31 de agosto de 2017

 

Enlaces destacados

Biblioteca Virtual de Prensa Histórica       Hispana. Directorio y recolector de recursos digitales       Hispana PRO       Contribuidor de Europeana       LEM