As coleccións 

A Subdirección Xeral de Coordinación bibliotecaria, coa colaboración das comunidades autónomas e outras administracións, persoas e institucións, traballa na busca, selección e dixitalización de fondos que forman parte do patrimonio bibliográfico español; desta maneira recuperáronse importantes coleccións de manuscritos e impresos antigos conservados nas bibliotecas públicas do Estado, como as provenientes dos mosteiros de Santa María de Huerta, Santes Creus e Poblet (agora, respectivamente, nas Bibliotecas Públicas do Estado en Soria e Tarragona), a colección Borbón-Lorenzana (que se encontra depositada na Biblioteca de Castela-A Mancha/Biblioteca Pública do Estado en Toledo), as destacadas coleccións de impresos antigos das Bibliotecas Públicas do Estado en León, Orihuela, Cádiz e Córdoba ou as ricas coleccións lulianas da Biblioteca Pública do Estado en Palma de Mallorca.

Tanto os manuscritos como os incunables e os impresos antigos seleccionáronse por características tales como a súa rareza, a súa especial importancia bibliográfica, a súa representatividade ou a súa relación cos fondos locais ou históricos de determinadas procedencias, como pode ser, por exemplo, a colección de impresos da Biblioteca Pública do Estado en León.

Ademais, incorporáronse á biblioteca importantes coleccións, como a de fondos iberoamericanos e de Filipinas, que provén principalmente da Biblioteca Hispánica do AECID (Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento) e do Museo de América.

Outra valiosa colección é a da Guerra da Independencia, que foi incorporada no ano 2008 con motivo da conmemoración do segundo centenario da devandita contenda. Estes fondos proveñen das bibliotecas do Ministerio de Defensa na súa maioría. Dentro desta colección, cómpre salientar os 1.622 documentos cartográficos —na súa maior parte mapas, planos ou cartas náuticas— relacionados con episodios ou batallas da Guerra da Independencia que proveñen do Centro Xeográfico do Exército, o Arquivo Central Militar de Madrid e o Museo Naval de Madrid. Estes materiais cartográficos permiten un achegamento ás estratexias militares empregadas e o coñecemento de numerosos aspectos da xeografía española a principios do século XIX.

A dixitalización de fondos conservados nos institutos de bacharelato históricos serviu de base para a creación dunha colección de fondos pedagóxicos, composta, por unha parte, por tratados de pedagoxía e, por outra, por ferramentas para a educación e a aprendizaxe, como poden ser manuais, láminas, diapositivas, cartillas, etc. Todo iso constitúe a memoria educativa de varias xeracións, así como unha valiosa fonte para a historia da educación en España e un conxunto de recursos educativos á disposición de alumnos e mestres.

Cómpre salientar tamén os fondos provenientes de bibliotecas de museos, a maioría deles dependentes da Subdirección Xeral de Museos Estatais. Entre estes fondos hai coleccións temáticas moi interesantes, como a do Museo Sefardí, formada por libros escritos en hebreo ou en español ladino, a do Museo do Traxe, de fondos de costura e moda, os fondos arqueolóxicos do Museo Arqueolóxico Nacional ou os fondos de antigüidades e demais artes decorativas do Museo Nacional de Artes Decorativas. Mención á parte merece a extensa colección de comedias do Século de Ouro do Museo Nacional de Teatro.

A Biblioteca Virtual ofrece ademais unha rica e extensa Fototeca con materiais fotográficos provenientes de diversas institucións, como a Fundación para a Etnografía e o Desenvolvemento da Artesanía Canaria (FEDAC), o Instituto do Patrimonio Cultural de España (IPCE), a Universidade de Navarra, a Fundación Pública Galega Camilo José Cela (fotos de Cela), a Biblioteca Pública do Estado en Pontevedra ou a Biblioteca Pública do Estado en Oviedo (fondo fotográfico do diario Región).

Pódense encontrar tamén outras coleccións temáticas de interese, como as de Medicina e Farmacia, provenientes das reais academias de Medicina e Farmacia respectivamente, os fondos administrativos históricos do Instituto Nacional de Administración Pública (INAP), os fondos científicos do Real Observatorio da Armada e outras bibliotecas, coleccións de libros de viaxes, astroloxía, fondos relixiosos, etc.


Características técnicas:

Como formato central de catalogación, a BVPB traballa e carga os rexistros no formato MARC21 (https://www.loc.gov/marc/ ), utilizando tres das súas variantes: marc21 bibliográfico, de fondos e de autoridades. Mediante a utilización do MARC21 de fondos, conséguese manter separada a información bibliográfica da de exemplar. O formato MARC21 de Autoridades permite un exhaustivo control de autoridades de persoa, institución, materia, título uniforme, etc. 

A partir dos rexistros MARC21, a aplicación realiza automaticamente unha serie de mapeos a diversos formatos, o que permite aos usuarios a descarga de todas estas variantes dos metadatos: Dublin Core, Ficha, ISBD, MODS, MARCXML, MARC etiquetaxe, Bibtex, Jisc, Mets, EDM, SKOS, ALTO, etc.

A BVPB ten en conta a realidade plurilingüística do Estado español e utiliza encabezamentos de todas as linguas do Estado español, así como en inglés. Para iso, utilízanse os campos específicos do Formato MARC21 para rexistros de autoridade designados para tal efecto.

Os rexistros de autoridades da BVPB foron sometidos ademais a diversos procesos semiautomáticos de vinculación a outras fontes de autoridades, como VIAF, LEM, Dbpedia, LCSH, EMBNE, RAMEAU, SWD, LEMAC, LEMAG e LEMAV, etc.

A BVPB está debidamente adaptada á web semántica e ofrece versións dos rexistros en RDF, en formato EDM para os rexistros bibliográficos e en formato SKOS para os rexistros de autoridade.

Para manexar a información referida ao obxecto dixital que conforman a descrición bibliográfica, os rexistros de fondos, os puntos de acceso normalizado e a información da copia dixital (técnica, administrativa, estrutural e de dereitos), utilízase o formato METS (Metadata Encoding Transmisión Estándar - http://www.loc.gov/standards/mets/). A BVPB figura ademais no rexistro de implementadores desta norma www.loc.gov/standards/mets/mets-registry.html

A BVPB ten o seu propio perfil de METS, ao que se pode acceder na seguinte ligazón:  http://www.loc.gov/standards/mets/mets-registered-profiles.html

Este perfil está orientado á creación de METS que sirvan para representar, preservar e incrustar os obxectos dixitais que se arquivan e ofrecen ao público nesta biblioteca, pero tamén pode ser utilizado para incrustar obxectos dixitais e/ou metadatos noutras bibliotecas dixitais e bases de datos e, en xeral, para rexistrar, transmitir e almacenar metadatos e obxectos dixitais.

Se para catalogar as obras se usa o formato MARC21, e para a carga e descrición de obxectos dixitais, o formato METS, para a preservación no noso sistema de preservación (http://travesia.mcu.es/portalnb/jspui/handle/10421/9003 ), o formato PREMIS (http://www.loc.gov/standards/premis/ ). Está previsto implantar proximamente a función de busca no texto das publicacións mediante o proceso de recoñecemento óptico de caracteres en formato ALTO (http://www.loc.gov/standards/alto/).

En canto aos formatos de imaxe, a BVPB proporciona para a súa visualización e descarga copias dixitais das obras dixitalizadas nunha calidade media, ofrécese unha versión multipáxina en formato JPG e outra versión en PDF. Para preservación, utilízase o formato TIF.

A BVPB ofrece na súa web numerosas opcións de busca, visualización e descarga de contidos que permiten unha investigación profunda aos seus usuarios. Ademais destas opcións, ofrécese a posibilidade de buscar os seus rexistros mediante un servidor SRU (http://bvpb.mcu.es/i18n/sru/sru.cmd ). SRU é unha especificación da Library of Congress que supón a evolución da tecnoloxía cliente servidor prescrita pola normativa Z39.50 ou ISO 23950. Desta maneira, a BVPB configúrase como unha provedora de web services e así figura recollida no correspondente rexistro que mantén a Library of Congress https://www.loc.gov/standards/sru/.

A BVPB tamén permite recoller os seus rexistros mediante o protocolo OAI-PMH (https://www.openarchives.org/pmh/ ).

Respecto a este último protocolo, a Biblioteca Virtual do Patrimonio Bibliográfico conta cun repositorio OAI-PMH (http://bvpb.mcu.es/i18n/oai/oai_bvpb.mcu.es.cmd?verb=Identify ), que posibilita que os seus rexistros estean a ser recollidos por repositorios ou agregadores OAI-PMH como HISPANA (http://hispana.mcu.es/es/estaticos/contenido.cmd?pagina=estaticos/presentacion ), EUROPEANA (http://www.europeana.eu/portal/es ), WordCat (https://www.worldcat.org/), etc. e que figura como provedor de datos no rexistro de provedores OAI-PMH da Open Archives Iniciative (http://www.openarchives.org/Register/BrowseSites) e en OAISter (https://www.oclc.org/es/oaister.html).

O repositorio OAI traballa a partir dos rexistros en Marc21, mapeando automaticamente a outros formatos, como Dublin Core, ESE, EDM, OAI-MARC, etc.

A Biblioteca Virtual do Patrimonio Bibliográfico desenvólvese sobre o programa de biblioteca dixital Digibib, da empresa Digibis S.L. e está xestionada pola Subdirección Xeral de Coordinación Bibliotecaria do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.