Cervantes na Biblioteca Virtual do Patrimonio Bibliográfico


Cervantes na B.V.P.B. | Obras de Cervantes | Quixotes para nenos | Biografías | Estudos / Ensaios | Cartas | HomenaxesCatálogos de exposiciónsPublicacións seriadas | IlustradoresObras derivadasMateriais gráficosOutros Quixotes 


A Biblioteca Virtual do Patrimonio Bibliográfico comprácese en presentar, con motivo do 400 aniversario da morte de Miguel de Cervantes Saavedra (Alcalá de Henares, 1547–Madrid, 1616), esta nova exposición dos seus fondos cervantegos acompañados por información biográfica e literaria do autor.


Cervantes na B.V.P.B.

A colección cervantega da Biblioteca Virtual do Patrimonio Bibliográfico conta con 169 obras, das cales a maior parte están en castelán; tamén hai tres en francés, unha en catalán, unha en valenciano e outra en bable.

En canto á tipoloxía, podemos encontrar obras de Cervantes, biografías, estudos, adaptacións, homenaxes, catálogos de exposicións, adaptacións para nenos, cartas sobre Cervantes ou o Quixote, obras de teatro, poemas, números monográficos de revistas, artigos, fotografías, láminas, pinturas, material cartográfico, certames literarios, discursos, publicacións sobre o III Centenario do Quixote, conferencias, unha partitura, obras derivadas, Quixotes doutros autores, etc.

Os fondos proveñen das seguintes institucións: Centro de Estudos Cervantegos, Instituto do Patrimonio Cultural de España, Biblioteca Valenciana Dixital, U. Santiago de Compostela, U. de Navarra, Fundación Sancho o Sabio, Museo Nacional do Romanticismo, Museo Cerralbo, B. da Rioxa, Biblioteca de Asturias, B. Pública do Estado en Maó, B. Pública do Estado en Cáceres, Real Academia da Historia, Fundación Siera Pambley, B. Pública do Estado en Xixón, Federación para a Etnografía e o Desenvolvemento da Artesanía Canaria (FEDAC), Museo do Pobo de Asturias e IES San Isidro de Madrid.

Cómpre salientar tres destas institucións, pola cantidade e importancia dos seus fondos.

En primeiro lugar, hai que mencionar o Centro de Estudos Cervantegos, que foi ata hai pouco un consorcio público creado para promover o patrimonio cervantego e fomentar o achegamento da cidadanía ao mundo da lingua e a creación literaria. Hoxe, os seus ricos fondos cervantegos e actividades foron integrados no Instituto Universitario de Investigación en Estudos Medievais e do Século de Ouro “Miguel de Cervantes”, da Universidade de Alcalá de Henares.


Na Biblioteca Virtual do Patrimonio Bibliográfico pódense consultar 48 obras que proveñen desta institución. É unha colección moi variada, inclúe estudos, discursos, homenaxes, edicións de O Quixote, números especiais de revistas, etc. cuxas obras tan só teñen en común a súa data de publicación, pois todas elas foron publicadas en 1905, ano no que se celebrou o III Centenario de O Quixote e no que o Centro de Estudos Cervantegos desenvolveu unha gran actividade.

En segundo lugar, temos que mencionar a Biblioteca Valenciana Dixital, que posúe uns fondos cervantegos excelentes, dos cales 27 obras están tamén dispoñibles na Biblioteca Virtual do Patrimonio Bibliográfico. Destas 27 obras, de tan variada tipoloxía como no grupo anterior pero publicadas en diversas datas, cómpre salientar unha primeira edición da primeira parte de O Quixote e dúas biografías de Cervantes.

Por último, cómpre mencionar a Fototeca do Patrimonio Histórico Español, xestionada polo Instituto do Patrimonio Cultural de España, que posúe unha das máis completas coleccións de fotografía patrimonial do noso país.

Os fondos desta fototeca, dispoñibles na Biblioteca Virtual do Patrimonio Bibliográfico, mostran principalmente obras de arte (moitas delas desaparecidas) e vistas de cidades, monumentos e paisaxes. Seleccionamos deste fondo, para esta exposición, 63 fotografías de temática cervantega, das cales a maior parte corresponde a cadros que ilustran escenas de O Quixote ou da vida de Cervantes, e o resto de fotografías son detalles escultóricos, prazas dedicadas a Cervantes e un obxecto de museo.



Obras de Cervantes

Na Biblioteca Virtual do Patrimonio Bibliográfico poden consultarse dezanove obras de Miguel de Cervantes, das cales quince son edicións de O Quixote. Hai unha primeira edición de 1605 e outras dos anos 1637, 1674, 1714, 1750, 1863, 1777 e 1905.

Algunas de estas ediciones ofrecen una sola de las partes de El Quijote, la primera o la segunda, mientras que otras contienen ambas partes. Buena parte de ellas están ilustradas, habiendo además una edición ampliamente comentada.

Merecen unha mención especial, ademais da primeira edición xa mencionada, a primeira edición española ilustrada, impresa por Roque Rico de Miranda en 1674 ou a que se considera a primeira edición crítica española con variantes, notas e un glosario de Clemente Cortejón.


Outras obras de Cervantes dispoñibles na B.V.P.B., á parte das edicións de O Quixote na B.V.P.B., serían dúas edicións das Novelas exemplares e unha edición da Viaxe do Parnaso ao que acompañan poesías soltas.



Quixotes para nenos

Ademais dos Quixotes, como as dúas edicións de Saturnino Calleja, deseñadas para lectura dos nenos nas escolas, hai tamén entre estes fondos dúas adaptacións específicas para nenos: Célebres aventuras de Don Quijote 'El caballero de la triste figura': Libro para los niños e a edición de O Quixote reducida e compulsada de Eduardo Vicenti para as escolas.

Para nenos, está pensada tamén a obra Los célebres consejos de D. Quijote á Sancho Panza, puestos al alcance de la memoria de los niños de las Escuelas, que contén extractos de O Quixote acompañados por excelentes ilustracións.



Biografías

Á parte dalgunhas biografías incluídas nalgunhas edicións de O Quixote ou nalgúns estudos (por exemplo en Cervantes y el Quijote: El hombre, el libro y la época / por Justo de Lara), entre os fondos cervantegos da B.V.P.B. hai dúas biografías do autor.

Destas dúas biografías, unha delas foi escrita polo seu primeiro biógrafo, Gregorio Mayans y Siscar, a outra foi redactada e publicada pola Sociedade de Patróns, tipógrafos e encadernadores de Valencia en 1905.



Estudos / Ensaios

Entre os fondos cervantegos da B.V.P.B. poden encontrarse artigos, estudos ou ensaios de temática tan diversa como a casa de Cervantes en Valladolid, a Música da linguaxe de O Quixote, a poesía de Cervantes, os seus coñecementos médicos, o goberno de Sancho, a tolemia de D. Quixote, etc.

Tamén se poden considerar verdadeiros estudos algúns dos discursos ou conferencias que se realizaron en diversas institucións (reais academias, sociedades, etc.) con motivo do III Centenario de O Quixote, sobre temas tales como as mulleres do Quixote, a pobreza de Cervantes ou a música da linguaxe de O Quixote, etc.   

Como curiosidade, cómpre salientar o estudo pouco profesional, pero non por iso inútil ou falto de interese, escrito pola infanta Paz de Borbón, Buscando las huellas de Don Quijote, onde recolle novas de diversas edicións e traducións de O Quixote publicadas en Europa.



Cartas

A colección conta con dous volumes de cartas de temática cervantega; un deles é unha recompilación de correspondencia entre os literatos Juan Antonio Pellicer y Saforcada e Juan Antonio Mallans y Siscar. O outro, moi curioso, é unha Carta en bable que dirixiu ao Excmo. Sr. presidente da Real Academia Española, don Apolinar Rato de Argüelles, suplicándolle a inserción, na duodécima edición do dicionario desta, varias voces do bable e que se testasen algunhas notas postas ao Quixote por varios académicos.



Homenaxes

Con motivo do III Centenario da publicación de O Quixote en 1905, realizáronse multitude de actos conmemorativos que implicaban, a maior parte das veces, a publicación de obras, tales como os discursos xa mencionados, conferencias, catálogos de exposicións, certames líricos, premios literarios, etc. Ademais, publicáronse nestas datas numerosas edicións de O Quixote, así como adaptacións, ensaios, artigos, números especiais en revistas, etc. dedicados ou baseados nesta xoia da literatura universal.

A colección cervantega da B.V.P.B. reúne decenas destas obras, todas elas —agás unha homenaxe da semana cervantega de 1920 e un certame literario de 1874 que celebrou o aniversario 125 da morte de Cervantes— foron publicadas no contexto do III Centenario da publicación de O Quixote.

Forman parte deste grupo sete publicacións sobre o III centenario mesmo, tres artigos, unha obra de teatro, dous números especiais de revista, dúas conferencias, certames literarios, discursos, así como diversas edicións de O Quixote, etc.



Catálogos de exposicións

Non esqueceremos mencionar dous catálogos de exposicións celebradas no marco do III Centenario. Unha delas, oCatálogo da Exposición Asturiana de edicións de O Quixote, recompila información bibliográfica de edicións de O Quixote. A outra, na que paga a pena deterse, é un catálogo da exposición dos fondos quixotescos da Biblioteca Nacional , que inclúe gran cantidade de materiais gráficos, tales como portadas de quixotes, láminas, cadros, tapices, esculturas, etc.



Publicacións seriadas

Conta a colección tamén con algúns números especiais de revistas e artigos que conteñen materiais textuais e gráficos de grande interese. Destas obras, dúas están en francés.

Aínda que todos eles son moi interesantes, destacaremos pola calidade das súas ilustracións e fotografías os números extraordinarios de La Esquella de la Torratxa, Nuevo Mundo, Blanco y Negro e Le petit journal.



Ilustradores

Moitos dos Quixotes da colección da B.V.P.B., así como outras obras cervantegas, están adornados con ilustracións de calidade.

Destacaremos algunhas delas:

De gran calidade son as láminas que acompañan a edición de R. L. Cabrera, debuxadas por J. Jiménez Aranda e outros artistas; desgraciadamente, a copia dixital non está en cor.


Destacan polo seu rechamante colorido as acuarelas de Salvador Tusell, que reproducen gravados de Gustave Doré.

Dignas de mención son, así mesmo, as calcografías de Estebanillo que adornan O Quixote publicado por Tomás Gorchs en 1863.

Pola súa antigüidade, hai que resaltar os debuxos da primeira edición española ilustrada, de 1674.



Obras derivadas

Tamén se poden consultar na B.V.P.B. algunhas obras derivadas do Quixote, en particular dúas obras de teatro -unha delas en francés-, unha recompilación de coplas e algunha adaptación para nenos xa comentada no anterior apartado.


Materiais gráficos

Á parte dos Quixotes ilustrados e dos números de revistas con ilustracións xa mencionados, abundantes son os materiais gráficos desta colección. Hai, por exemplo, boa cantidade de fotografías de temática cervantega provenientes, na súa maior parte, do fondo dixitalizado do Instituto do Patrimonio Cultural de España. A maioría delas reproducen cadros con escenas do Quixote ou da vida de Cervantes, ou ben lugares asociados a Cervantes.

Por outra banda, hai dous álbums con abundante material gráfico: o Álbum cervantego aragonés dos traballos literarios e artísticos, co que se celebrou en Zaragoza e Pedrola o III Centenario da edición príncipe do Quixote e o Álbum en homenaxe ao libro "Don Quixote da Mancha" no seu terceiro centenario (patrocinado por Benito Pérez Galdós e editado e debuxado por Eduardo Sojo, Demócrito).

Destacables son tamén as ilustracións de Georges Scott, que se poden gozar na obra de teatro Don Quichotte, de Jean Richepin.

Resulta interesante, así mesmo, o Mapa de una porción del Reyno de España que comprehende los parages por donde anduvo Don Quijote, y los sitios de sus aventuras, delineado por Tomás López.




Outros Quixotes

Xa mencionamos un par de obras de teatro que teñen como personaxe principal a don Quixote e que foron redactadas por autores diferentes a Cervantes (Don Quijote en Aragón e Don Quichotte de Jean Richepin).

Temos que sumar a estes Quixotes escritos por outros autores o máis coñecido deles, a segunda parte de O Quixote, publicada en 1614 e escrita segundo reza a portada polo licenciado Alonso Fernández de Avellaneda. É un dato coñecido que a publicación deste “falso” Quixote moveu a Cervantes a escribir a súa segunda parte da obra. Cómpre resaltar que a edición que ofrece a B.V.P.B., publicada en 1905, vén prologada e anotada por D. Marcelino Menéndez y Pelayo.

Outra obra interesante que podemos encontrar é Adiciones a la historia del ingenioso hidalgo Don Quijote de la Mancha en el que se prosiguen los sucesos ocurridos a su escudero el famoso Sancho Panza escritas en arábigo por Cide-hamete Benengeli y traducidas al castellano con la memoria de la vida de éste por Don Jacinto Maria Delgado. Esta obra, non a única continuación —nin moito menos— das aventuras relatadas en O Quixote, é famosa polos problemas de atribución que suscitou: Cide-Hamete Benengeli é, de feito, un personaxe de O Quixote, de quen Cervantes afirma, utilizando un recurso literario bastante habitual na época, que é o autor orixinal da novela que el se limita a traducir. Por outra banda, don Jacinto María Delgado, o suposto tradutor da Adiciones parece tamén ser un personaxe ficticio ou, por dicilo mellor, un pseudónimo, se cadra (tal como afirma Palau) de Juan Francisco Jara e Sánchez de Molina.  

Cómpre mencionar por último e como curiosidade (aínda que de don Quixote non teña máis que o título e a inspiración) El Quijote de la revolución, ó, Historia de la vida, hechos, aventuras y proezas de Monsieur Le Grand-homme Pamparanuja : héroe político, filósofo moderno, caballero andante y reformador de todo el género humano, obra mediante a cal o seu autor, Juan Francisco Siñeriz, trataría de dar difusión ás súas ideas políticas.




Texto actualizado a 7 de febreiro de 2016


_____________________

Enlaces destacados

Biblioteca Virtual de Prensa Histórica       Hispana. Directorio y recolector de recursos digitales       Hispana PRO       Europeana       LEM