Biblioteca Virtual do
Patrimonio Bibliográfico

Biblioteca Virtual do Patrimonio Bibliográfico

A Biblioteca Virtual do Patrimonio Bibliográfico está formada polas reproducións facsímiles dixitais das coleccións que compoñen o patrimonio bibliográfico español. Inclúe coleccións, manuscritos e impresos aos que se lles engadirán no futuro outros materiais. Deste xeito estanse recuperando importantes coleccións como as provenientes dos mosteiros de Santa María de Huerta, Santes Creus e Poblet, agora, respectivamente, nas Bibliotecas Públicas do Estado en Soria e Tarragona, a colección Borbón-Lorenzana que se atopa depositada na Biblioteca de Castela-A Mancha/Biblioteca Pública do Estado en Toledo, as destacadas coleccións de impresos antigos das Bibliotecas Públicas do Estado en León, Orihuela, Cádiz e Córdoba ou as ricas coleccións lulianas da Biblioteca Pública do Estado en Palma de Mallorca ou os fondos relativos á Guerra da Independencia ou á independencia das repúblicas iberoamericanas procedentes, respectivamente, da Biblioteca Central Militar e da Biblioteca Hispánica da AECID.

Tanto os manuscritos como os incunables e os impresos antigos seleccionáronse por características tais como a súa rareza, a súa especial importancia bibliográfica, a súa representatividade ou a súa relación cos fondos locais ou históricos de determinadas procedencias como pode ser, por exemplo, a colección de impresos da Biblioteca Pública do Estado en León.

Ademais, estanse a incorporar importantes coleccións como as relacionadas coa guerra da independencia cuxo segundo centenario se conmemorará o 2 de maio de 2008 e para o que se está desenvolvendo un micrositio específico, estratexia que se seguirá para cada unha das coleccións destacadas, de diversa procedencia, que irá conformando e acrecentando a BVPB. Deste xeito, contribúese a acercar ao cidadán o seu patrimonio bibliográfico para que o poida consultar, imprimir, descargar e, en definitiva, utilizar todas as ferramentas que se poñen á súa disposición mediante o uso cada vez máis amplo e máis avanzado das tecnoloxías da información e da comunicación aplicadas á información bibliográfica.

Está previsto, así mesmo, contribuír ao proxecto Europeana http://www.europeana.eu promovido pola Unión Europea, de crear unha base de datos cos patrimonios bibliográficos de todas as nacións que compoñen esta entidade supranacional e entre os que se poderán incorporar, por cumprir cos requisitos técnicos, e pola gran calidade dos materiais bibliográficos que compoñen o patrimonio bibliográfico español, os resultados tanto desta BVPB como do proxecto análogo Biblioteca Virtual de Prensa Histórica http://prensahistorica.mcu.es

Así, a base de datos Europeana permitirá o acceso ao patrimonio bibliográfico español a través de proxectos como o da BVPB de maneira semellante a como o realizarán noutros países europeos.

Características técnicas:

A Dirección Xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas, a través da Subdirección Xeral de Coordinación Bibliotecaria ten entre os seus obxetivos poñer a disposición dos cidadáns, así como dos investigadores en hispanística de todo o mundo, os materiais que compoñen a BVPB que se irán acrecentando de forma continuada. Este incremento será comunicado a toda persoa que estea interesada a través de RSS, é dicir, mediante unha sindicación de contidos que permitirá que quen empregue este procedemento reciba información puntual de todos e cada un dos rexistros que se vaian dando de alta na base de datos.

A BVPB é particularmente sensible á realidade plurilingüística do estado español e dispón de arquivos de autoridades conformados segundo o formato MARC21 de tal xeito que se poden utilizar os encabezamentos ou puntos de acceso en todas as linguas do Estado español. Para isto empréganse os campos específicos do Formato MARC21 para rexistros de autoridades designados a tal efecto e, así mesmo, e grazas á interface de integración de rexistros, poden consultarse tamén os rexistros bibliográficos mediante puntos de acceso en inglés elaborados pola Library of Congress dos Estados Unidos que se integran facilmente nos campos específicos dos arquivos de autoridades, facilitando así a consulta internacional do patrimonio bibliográfico español.

A BVPB conta, tamén, cun almacén que se axusta ao protocolo OAI-PMH, de ampla utilización internacional e de forma crecente en España e que foi elixido como un dos piares da arquitectura da Biblioteca Europea e de Europeana. Para isto, a BVPB actualiza de forma dinámica o almacén OAI a partir dos rexistros MARC21 que se transforman, de forma automática, en esquemas de metadatos Dublín Core conforme á norma ISO 15836:2003.

A BVPB aparece como un provedor de datos de OAI-PMH http://www.openarchives.org/Register/BrowseSites e a súa información aparece nos recolleitadores máis importantes do mundo entre os que se pode citar OAIster http://www.oaister.org/viewcolls.html

A BVPB dispón, así mesmo, dun servidor SRU especificación da Library of Congress e que supón o desenvolvemento da antiga tecnoloxía cliente servidor prescrita pola normativa Z39.50 ou ISO 23950. Desta xeito, a BVPB configúrase como unha provedora de web services e así figura recollida no correspondente rexistro que mantén a Library of Congress www.loc.gov/standards/sru/resources/implementors.html

É importante resaltar que, igual que OAI-PMH, SRU forma parte da arquitectura de Europeana e que, grazas a este procedemento e ao seu servidor, é máis fácil e máis sinxelo non só acceder aos rexistros bibliográficos en formato de intercambio senón proceder a súa descarga e integración en terceiras bases de datos e favorecer a busca federada.

Os obxectos dixitais que conforman a BVPB están, pois, compostos de rexistros bibliográficos en formato MARC21 para rexistros bibliográficos así como un control dos puntos de acceso mediante o formato MARC21 para rexistros de autoridade que permite establecer variantes dos nomes e materias ou o xa destacado acceso multilingüístico.

Os fondos e localizacións atópanse, así mesmo, en formato MAR21 o que favorece o intercambio de información referido aos exemplares e, en particular, ás notas de cada un deles de tal maneira que é posible axustarse ao que require o regulamento que desenvolve a Lei 7/1985 de Patrimonio Histórico Español.

Existe un obxecto dixital multipáxina que permite consultar en formato JPEG as imaxes do exemplar descrito, vinculado á descrición bibliográfica mediante o campo do formato MARC21 establecido para este fin no que consta o enderezo no que se atopa o conxunto das imaxes. Todos estes formatos, así como a etiquetaxe ou o ISBD poden mostrarse a vontade do usuario se este selecciona a opción correspondente. Así mesmo, poden descargarse ou enviarse por correo electrónico e pódense seleccionar tres xogos de carácteres diferentes.

Toda esta información referida ao obxecto dixital que conforman os puntos de acceso normalizado, a descrición bibliográfica, os rexistros de fondos e a copia dixital está estruturada conxuntamente segundo METS e a BVPB e figura así mesmo no correspondente rexistro de implementadores desta norma www.loc.gov/standards/mets/mets-registry.html

Este conxunto de técnicas informáticas permite dar satisfacción aos especialistas de fondo antigo que poden consultar a base de datos mediante puntos de acceso tan importantes para estes tipos de materiais bibliográficos como os lugares de impresión ou os de copia (para o caso dos manuscritos) ou os nomes e as súas posibles variantes de impresores, libreiros ou copistas. En moitos casos produciuse a normalización destes puntos de acceso mediante os preceptivos campos e subcampos do formato MARC21 e, así, a entrada Mantua Carpetanorum dirixirá o usuario ao lugar de impresión Madrid ou o impresor Ludovicus Sanctionis traducirase por Luis Sánchez.

Non todos os rexistros que compoñen a base de datos dispoñen destas facilidades, pero o mantemento dos arquivos de autoridade fai posible que, unha vez establecida unha equivalencia, esta se poida empregar en multitude de rexistros aproveitando así e facilitando, por outra banda, o traballo de bibliógrafos e investigadores.

Por último, esta biblioteca virtual forma parte dun conxunto de iniciativas de desenvolvemento de coleccións dixitais promovidas pola Subdirección Xeral de Coordinación Bibliotecaria que permitirá a creación de bases de datos semellantes nas Comunidades Autónomas ou nas institucións culturais importantes (algunhas xa están dispoñibles mediante este procedemento) permitindo así, mediante o uso das tecnoloxías da información e da comunicación, que o patrimonio bibliográfico español sexa mais accesible para os cidadáns e poida difundirse internacionalmente e, moi en particular, mediante as iniciativas europeas.


Icono de conformidad con el Nivel Doble-A de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI. Este enlace abre una ventana nueva

© Ministerio de Educación, Cultura y Deporte

www.digibis.com